Thursday 16 de May de 2024

Turismo de Galicia e Amtega celebran unha xornada formativa para dar a coñecer ao sector a extranet ‘Turespazo’


A extranet permite aos responsables dos establecementos actualizar a imaxe, información e ofertas do seu negocio de forma directa, axilizando os trámites

Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebrarán tres sesión formativas para os profesionais do sector sobre a posta en marcha de Turespazo, unha extranet dirixida aos empresarios do sector turístico para fomentar a difusión da oferta turística mediante a actualización directa e continua de información de utilidade e contidos promocionais dos seus establecementos. Esta iniciativa forma parte do proxecto Smart Turismo, dotado con 10 millóns de euros e posto en marcha por Turismo de Galicia e a Amtega para estender as novas tecnoloxías ao sector turístico.

A primeira destas xornadas, que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e tivo lugar esta mañá no Centro Superior de Hostalería de Galicia, deu a coñecer as posibilidades que ofrece esta nova canle dixital e recolleu as impresións do sector de cara a unha posible mellora das funcionalidades ofertadas. As próximas actividades formativas serán o día 27, en Sanxenxo, e o 31, en Santiago.

Con esta nova aposta pola innovación, os empresarios do sector poden introducir de forma directa novas fotografías ou contidos sobre os seus establecementos e que esta información sexa modificada de xeito simultáneo nos portais web www.turismo.gal e www.caminodesantiago.gal, así como nas cinco aplicacións móbiles de Turismo de Galicia: Camiño de Santiago, Bono Iacobus, Enoturismo, Realidade aumentada e Sendeirismo. O usuario final terá, así, unha información fiable e de calidade.

Funcionalidades do portal
As empresas que poden ter acceso a este servizo son todas aquelas inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT). Os profesionais contarán cun usuario e clave de acceso para identificarse no portal e, unha vez dentro, poden actualizar os contidos promocionais dos seus establecementos, introducindo os datos de forma directa e sen necesidade de desprazarse a unha oficina da Xunta de Galicia, como sucedía ata o momento.

Desta maneira, permítese unha actualización continua dos datos de contacto, da descrición do establecemento, das súas páxinas web de información ou reservas, da posición no mapa e coordenadas ou dos servizos que ofrece. Tamén se posibilita a subida de fotografías ou vídeos coa finalidade de ofrecer unha información máis completa. A maiores, as máis de 800 empresas integradas no proxecto Smart Camiño terán a oportunidade de dar a coñecer en tempo real as súas ofertas, como descontos ou eventos especiais, e as axencias de viaxe poderán tamén, a partir do 31 de maio, anunciar o lanzamento de paquetes turísticos. Toda esta información canalizarase a través das dúas páxinas web e cinco aplicacións móbiles xestionadas por Turismo de Galicia.

Así mesmo, os empresarios poden consultar os datos administrativos que figuran sobre o seu negocio e incluso solicitar a modificación dos mesmos, no caso de que exista algunha errata ou cambio, xa que o portal enlaza coa sede electrónica da Xunta de Galicia e de forma directa co procedemento desexado. Así, por exemplo, poderase solicitar o cambio de nome do establecemento ou a súa categoría dunha maneira máis áxil e eficaz a través dos recursos que ofrece a administración electrónica.